quarta-feira, dezembro 22, 2010

Orquestra Sinfónica de Melide co grupo folk Liorna no espectáculo Gallaecia

terça-feira, dezembro 21, 2010

Éxito dos Melidaos en Sada:

quinta-feira, dezembro 02, 2010


OS MELIDAOS PRESENTAN O SEU PRIMEIRO DISCO NA CASA DA CULTURA DE SADA
Melide, 2-12-2010

A Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada acolle este sábado a presentación do traballo “Que ben baila, que ben baila” do grupo melidense.

Os Melidaos xa están traballando na gravación do seu segundo disco no que a protagonista será, ademais da música, a voz dos membros do grupo.


O grupo de música tradicional Os Melidaos presentarán en Sada o sábado, 4 de decembro, ás 20:00 h da tarde o seu primeiro disco. Os Melidaos veñen de participar na XXI Semana da Música da Terra de Melide, na que sorprenderon ao numeroso público asistente ao evento con pezas cantadas, algo moi inusual nas formacións de música tradicional de Melide.

Lembrar que entre os seis membros dos Melidaos hai músicos veteranos de renome como Marcelino Vázquez (gaita) e Pepe Taboada (clarinete), membros durante moitos anos do Ballet Galego Rei de Viana e da histórica agrupación coruñesa Cántigas da Terra, entre outras moitas. A esta última formación tamén pertence o músico Antonio Raposo (gaita e voz do grupo).
Na actuación do vindeiro sábado interpretarán as pezas do seu primeiro disco “Que ben baila, que ben baila” e, novamente, poñerán voz a varias pezas máis. Entre as pezas escollidas para o concerto no auditorio sadense non faltará o pasodobre composto polo membro do grupo Pepe Taboada co nome de “Pasodobre os Melidaos”.



Breve Historia de Os Melidaos
O grupo de música tradicional galega Os Melidaos naceu arredor do ano 2004 en Melide, lugar de fonda tradición gaiteira e berce de mestres da gaita. Esta agrupación musical xorde pola unión de músicos de diferentes xeracións e variada procedencia que consideran que a música tradicional é un tesouro que cómpre conservar.
Co disco “Que ben baila, que ben baila”, Os Melidaos renden unha homenaxe a todos os músicos populares, anónimos e recoñecidos, que contribuíron a que a música tradicional e os instrumentos populares formasen parte do noso ser como pobo.
Os Melidaos pretenden poñer en valor a cultura galega, dignificar a nosa música e acadar o fin último da mesma: A diversión do pobo.

Os membros dos Melidaos son:
Marcelino Vázquez- gaita
Pepe Taboada- clarinete e gaita
Pepiño Blanco- bombo e gaita
Luís Casal- Tamboril e pandeireta
Xele Barrio- acordeón
Antonio Raposo- gaita e voz

O concerto de Sada será a segunda vez que se presenta o disco de Os Melidaos, despois da presentación oficial en Melide o pasado mes de maio.