segunda-feira, janeiro 29, 2007

MOITO XURXO
Proseguindo esta escolma semanal fíxome moita gracia a viñeta que publicaba Xurxo no seu blogue www.xurxo.net o pasado 22 de xaneiro.


Tamén colgou o Xurxinho un vídeo no que aparecen os siareiros de Melide o 29 de decembro do 2005 cando a Selección Galega de fútbol debutaba nesta nova etapa perante Uruguai.





Nela vemos a vellos coñecidos e pódovos dicir que o pasamos en grande, cecais un pouquechiño mellor que este ano en Riazor, que tamén non che estivo nada mal.

Dende este humilde blogue prégovos irmáns no metal que nos unamos todos á iniciativa da Asociación Punto Gal para que os galegos poidamos ter un dominio de noso.

Os cataláns xa o teñen, "·.cat", nós non podemos ser menos. A parte prestase un pouco a broma que algúen rexitre o sene.gal , ou o psoe.gal .


A páxina web da Asociación PuntoGal acaba de abrir unha nova sección para ofrecer a opción de apoiar individualmente a reivindicación do dominio propio para a lingua e a cultura galegas. A partir de agora calquera pode asinar na páxina para deixar constancia do seu apoio ao PuntoGal.

Deixar a sinatura é moi sinxelo: premendo na ligazón ‘Anotarse‘, que se atopa dento da sección de ‘Apoios Individuais’, aparece un formulario do que, unha vez cuberto, só se amosarán na páxina o nome e apelidos da persoa apoiante.


Xa sabedes asinade na páxina www.puntogal.org, os tempos son chegados.

Información recollida do blogue de Marcus, www.marcus.es

MELIDE-BROADWAY-MELIDE


Ben, despois duns días sen escribir tócalle hoxe luns.
Como diría Ramón o Carniceiro, vamos por partes, a obra de teatro foi todo un éxito. Moito público no pavillón do instituo novo. As interpretacións e a dirección de actores merecen un notable ben alto por como se esforzaron, moitos virxes na materia, e como desenrolaron unha obra definida por un dos asistentes como "demasiado poética". Hai que contextualizar a obra no seu tempo e mirar (que dirían en Vigo e arredores) porque se levou a cabo esta e non outra.
Suso do Fidalgo, director do grupo de teatro Charamela á par que gran actor, quixo rendir unha homenaxe (coido eu) a aqueles pioneiros melidaos do teatro en galego que na metade da década dos 30 do século pasado puxeron sobre as táboas esta obra de López Abente.
Foi o Centro Recreativo Mellidense do cal, por xentileza do grupo "Axoúxere" e a Asociación Cultural "Terra de Melide", temos unha copia do progrma daquela acutacion (que sería da nosa historia sen o archivo da familia Fuciños).


Entre as curiosidades que se extraen deste documento do 25 de Nadal do 1935 destaco as seguintes: o nivel que debía ter daquela a rondalla do mestre Don Pastor Barral xa que se atrevían con grandes da música (non era coma hoxe que hai aceso a cutlura por doquier) nun tempo onde me imaxino que o acceso á escoita desas músicas estaba destiñada a uns poucos.
Entre outros versionearon a Rosini ou o mesmo xenio de Salzburgo, Mozart,
outro detalle é o precio, socios e familiares 1.00 pta, non socios 1.50 ptas, o outro día o precio da taquilla era único e de 3 €uros.
E por último chámame a antención a data elixida para ese "Festival artístico".
25 de Decembro, está claro que eran outros mundos.

Outro dos eventos da pasada fin de semana foi a Festa-Sorteo do CCA MElide.

Tamén foi todo un éxito, expectación na Sala 600 o domingo pola tarde vencendo a ese gran competidor dominical que é o fútbol televisado.

Actuou Patricia Méndez e Manuel DeAndrade de Melide e arrouparon e apadriñaron a gala Os Tonechos. Como conductor Barburiña, ahi non perdón, Xurxo Otero que estivo un pouquiño atenazado polos nervios, algo a todas luces compresible.
O que foron os premios en sí, marcharónse todos de Melide. Esto quere dicir, que ou teñen moita sorte ou ven moita xente de fora comprar e disfrutar do ocio a nosa vila, coido que é mais atinado o segundo razoamento.
Coruña, Sobrado e Touro foron as localidades dos gañadores.
Parece ser que o primeiro premio de 3000 € en compras, a gastar nun só día en alómenos 20 dos locais asociados o CCA, vai ser espectacular, dispoñendo o gañador dunha limusina para que realice as suas compras ao estilo hollywoodiense ,polo menos.
Aqui vos deixo un link sobre o tema tirado do amigo Marcus: http://www.marcus.es/2007/01/xurxo-e-os-tonechos/.

sexta-feira, janeiro 19, 2007

FESTA SORTEO, CCA MELIDE


O vindeiro domingo ó Centro Comercial Aberto "Melide" vai realizar a festa-sorteo para repartir os premios os que optaban os clientes dos comercios e lugares de ocio asociados a devandito organismo, 3000 € en compras, unha motocicleta e un cruceiro polo Mediterráneo para duas persoas.
Será na Sala 600 (na rúa Melide di Lugano) ás 20.00 h da tarde. Nela ademais do sorteo en sí actuaran entre outros Manuel DeAndrade (cantante melidao que sacou un disco co guitarista de Milladorio, con Toñito de Poi e outros músicos para beneficio da asociación Down Compostela) e os Tonechos (Roberto Vilar e Víctor Fábregas tamén acudirán a esta festa.
Conducirá o acto o noso veciño todoterreo Xurxo Otero, coñecido entre outras cousas por se r o gañador do concurso intermunicipal de humoristas "Terra de Abeancos" disputado na disco DonaDana o ano pasado.
Á ESCEA¡¡¡
Hoxe venres volta o teatro a Melide da mau da compañía local "Charamela" dirixida por Jesús Gómez Lareo. O esceario elixido será o pavillón do novo instituo e a hora de comenzo da obra ás 22.00 h. Estarán arroupados polo grupo "Axoúxere" tamén de Melide.
A peza en cuestión é unha comedia do muxián Gonzalo López Abente (adicóuselle o día das letras galegas de 1971), que representaran en dous pasos,e o reparto artístico e técnico é o seguinte:
-Don Xacobe: Óscar Gómez Sobrado -María Rosa: Isabel Ramos López
-Remedios: Chelo Abelarias Vázquez -Leandro: Antonio Méndez Romero
-Damián: Diego Sánchez González -Sidro: Xan Curros Vázquez
-Mariquiña: Susana Loureiro Pérez -Andrea: Alicia Casal Montero
-Señor Abade: Jesús Gómez Lareo
Son: José Manuel Valiño Maquillaxe: Loli Gómez e Marujita Castro Decorados e iluminación: Jaime Sonegas Carpintería: Ramiro Roca Pintor.

Como se soe dicir nestes casos: Moita merda.

A iso da 1.00 h, tremeran outras táboas, as do Pub Gatos cando se suban a elas os músicos de Bandeira (Silleda) "Kona ke te fixo", unha formación que está destacando cunha versión do "Hotel California" dos Eagles. Rockandroll na de nani de balde coma sempre.
Mañá sábado ás 19.30 h duelo entre o Cire e o segundo clasificado e claro candidato ó ascenso Boimorto no grupo V da Terceira Autonómica. Forza Cire que se queremos podemos. Non vai ser doado vencer no feudo dos pupilos de Amavisca.

quinta-feira, janeiro 18, 2007

FOTOS HISTÓRICAS FÚTBOL MELIDÁN. ANEXO I

Buscando en publicación senlleiras da nosa vila atopei no "Boletín 11, Xuño 1998" do Centro de Estudos Melidenses "Mueso Terra de Melide" -que espectacular traballo o de Xosé Manuel Broz e a sua xente, durante tantos anos- unha excelente escolma de fotos antigas sobre moitos temas e entre eles un apartado adicado ó fútbol.
Escomenzamos por imaxes dos anos 40 tiradas dos archivos particulars de Pampín Fuciños, Edelmiro Blando e Marina Sardón. Exelentes xoias históricas do fútbol da posguerra no pequeno pobo de Melide. Nunha das fotos por detrás poñía a lenda: "Componentes que acutaron en Campo del Teijeiro F.C 29 Junio 1943" na que vos poño aqui embaixo o texto do dorso di tal que así: En Mellid, Rafale, Victor, Aguiar, Darío, Pituco, Meme, Manolito, Julio, Susito, Edelmiro y M.Gómez. Vencimos a Arzúa por 4 a 0. Mellid, Mayo de 1943"

Séguenlle por orde cronolóxico a estas emocionantes imaxes unha serie adicada ós anos 50, rodilleras e gorra estilo Ricardo Zamora,traxes ad hoc, que bonitos e difíciles tempos, a mellor conservada cecais sexa esta:


Tócalle o turno ós 60, outra gran colección de fotos dos archivos de Jesús Carregal, Juan López (nun partido disputado contra o Seminario de Lugo) e ésta de Jose Luis Senín, datada en 1966 e podemos ver ó Cire Ye-Ye en Lugo,entre outros adiviñamos a ver a Carregal de porteiro, Landín, Javier e Suso Aceiteiro ou Kiko Broz.

Nos 1970, xa se ven mais patillas e barbas estas duas fotos son caracterísitcas deste tempo:


A tempada 1973-74 histórica para o noso fútbol os Xuvenís do Atlético Melide proclámanse campións da Liga do Sar. Aqui os temos:


Ese mesmo ano xoga a Liga do Sar o equpo Senior que forma en Compostela coa Catedral ó fondo,pode que sexa Vista Alegre:

O 18-8-1975, en pleno San Roque no campo do Marco na Martagona xogou un equipo feminino (o ano anterior tamén houbera un combinado de mulleres pero en baloncesto, xogando na praza do convento) de Melide dirixido por Mosquito. Na imaxe podemos ver a Sabela Fondevila, Amparo Soto, Margarita, Aurora Pado, Fernanda Sobrado, Camani, Luisa Martínez, Loló García ou Marga Pampín entre outras.

A última foto deste pequeno anexo chega dende o archivo de Antón Segade e nela podemos ver o equipo do Cire, campión da Liga da Montaña (antes as ligas denominabanse por zonas, Liga das Mariñas, Liga da Montaña, Liga da Costa), que abranguía moitas poboacións do interior de Galiza. Era a tempada 1977-1978 e vencimos ó Ferreira por 3-2, na final de devandito campionato.


Pd: Nani a ver se me botas unha mau cos nomes que non quero meter a zoca.

quarta-feira, janeiro 17, 2007

OUTROS DEPORTES EN MELIDE

A parte do fútbol en Melide tamén estiveron ou estan (sobre toto o fútbol sala) en boga na sua historia recente.
Empezemos polo fútbol sala. O primeiro equipo federado foi o Centro Cultural de Melide, participou nos últimos anos oitenta (cando o Chastón da Coruña era o mellor equipo de España) na Liga Autonómica daquela. Formaron de esquerda a dereita e de pé: Moncho Puntero (vicepresidente), Suso Aceiteiro (presi), Pedro do Forno (Vocal), Richard e Monchiño (porteiros), Villa, e Ferris (adestrador). Abaixo: José de Mina, Manolito "Quillo" -canta clase mi má-, Alfonso de Mina (Garrincha), Javi Pampín e Nanitas.

Na tempada 93-94 creabase o Melide Fútbol Sala (aínda segue xogando hoxe) que chegou incluso a militar en Primeira Nacional, está era a sua formación daquela: Alfonso de Mina (Garrincha), Gusi, Manolito (é moi recordada unha actuación súa contra o Pozo de
Murcia naqueles grandes torneos do SanRoque onde metera un seño golazo propio de Paulo Roberto, é que o Pozo o mellor equipo dos 90 fixo un ano a sua pretempada en Melide, parando no Carlos96 e indo a correr a praia fluvial de Furelos, non nos damos conta pero é como sen fútbol viñera o Madrid ou o Barça), Koke e Buxi (porteiros), Alfonso e Cacha (adestrador). Abaixo: Arturo (porteiro tamén), Mon, Ramoncito, Tono Segade (Escuadrín,membro da saga dos Segade de Santa María e campión de España de futbol sala con Galica en categoría xuveníl), Litera e Jordi Vidal.


Outro equipo que compartiu espacio e tempo con Melide FS foi o C.C.D Terra de Melide, primeiro Ares e despois Impreta Ayude, que estivo federado arredor dun lustro na Autonómica Norte. Nesta imaxe podemos ver de esquerda a dereita e de pé: Alberto Prado(daquela gran porteiro), Neira, Cebolo, Pin, Miguel Prado (tamén daquela porteiro, despois descubriuse un gran xogado de campo), Baby e Jordi. Abaixo vemos a Javi "Rambito", Militar (adestrador), Rial, Michel e Jose Sueiro e Juan Luis o madrileño.


O Clube Baloncesto "Terra de Melide" participou durante dous anos na Liga Autónomica-Zonal, quedandose a dous puntos do ascenso na sua segunda tempada ó xogarlle en contra o basket-average creo recordar co Noia, foi unha etapa ben bonita que vivin en primeira persoa. Que tempos...
De pé e de esda a dta: Alberto, Gerard, Óscar "Guti", Manito (adestrador), Xurxo Otero, Álex Porto e Riki (jajaja, si oh son eu). Abaixo: Situs, José Núñez, Alberto Jafas (Melindrovic), Jesús Carlos "Lorcas" e Cebolo (tira la bomba), falta na foto entre outros Juan Rosquilla (que agora xoga comigo no Palas) e Rambi que facía as tareas de delegado e que seguramente sacou esta foto.



O Clube Ciclista Melidense naceu no ano 1994 e participou en diversas carreiras e
en diveras cateogrías, entre elas a mítica "Subida ós Lagos de Covadonga".
Nesta foto dos 90 figuran na primeira fila e de esda a dta: Javi Salgado, José Antonio Loureiro, Jesús Sánchez, Juan Núñez, Tomás Porto, Javier Amboage e Jesús López.
Na segunda fila: Óscar Lugris, Marco Lugrís, Eladio Casal, Manuel Gómez (joma), Vicente Ezama, Jorge Rivadulla e Ángel López. Anicados: José Filgueria e Santiago Ezama.


Falta nesta selección de "outros deportes" ó Hockey patíns que en Melide pegou bastante forte nos 90, a ver se consigo unha imaxe que vale mais que mil palabras, eu acordome dun partido fronte ó Dominicos no que Toñito Lirio tivera unha boa actuación, Tomás, Quelalo, Quintás, Rober, Óscar Aceiteiro, Toñito e Diego, Pedro de adestrador e un longo etcetera.

terça-feira, janeiro 16, 2007

OUTROS EQUIPOS DA NOSA TERRA

En Melide tamén existiron equipos de barrio e ligas pequenas, onde xogaban o Benfica, o Mabar (abreviación de MAdrid BARcelona, xa que no equipo xogaban hinchas dos dous clubes) etc, e unha desas escadras tocáme bastante de preto, non porque formara parte del, aínda non nacera, senón porque moitos dos seus membros son meus veciños actuais ou fórono.
O equipo chamábase C.F.San Roque e formábano xogadores da Avenida de Lugo, Cantón San Roque, calle do Sol, estrada da Golada, zona da Martagona etc ... A esta formación corresponde a foto de embaixo que foi tirada en 1974 no Campo Municipal dos Chacotes en Palas de Rei, onde estes mocosos lle gañaron o mesmísimo Palas por 1-2. Para desprazarse os propios rapaces tiveron que pabar o bus (o Mosquera daquela época) a 60 ptas de escote. Tamén teñen unha lenda cos uniformes que non recordo ben pero que Fernando "Benitez" Blanco me contou fai algun tempo e tiña a sua coña.
Forman de esquerda a dereita e de pé: Víctor de Roque, Malén Pampín, Litos do Avenida, Antón Laya, Enrique Vilariño e o recordado Chago Prado (Chiqutín); agachados: Antonio Varela (coruña), Miguel Prado (Finfa, irmau de Barullo), Emilio León, Fernando Citroën "Benítez" e José Antonio Pin Puga.

O primeiro equipo en estar federado de Melide non foi o Cire senón unha escisión creada nos últimos setenta chamada "Atlético Mellid" , mestura de veteranos e noveles; para a historia formaron de pé e de esquerda a dereita: Kiko krinkas, José Manuel Pazo, Víctor de Roque, Juan Cea, Paco Costoya e Antonio Coruña, abaixo, J.A. Pin, Suso Mosquito, Ramoncito Lareo, Antono García e Jesús Varelita.

Os campos onde se practicaba o deporte rei foron dende as Granxas (zona donde esta hoxe o centro médico) onde os regos de agua facían de liñas de banda e as pozas eran improvisada piletas, o Marco (onde está agora o colexio nº2), a Bacariza, Priorada, o "prado dos pitos", etc. A parte dos xogadores do pobo e arredores non era raro que algún mozo que realizaba a mili no Campelo xogara cos melidaos, ou xente que estivera traballando de paso, como axentes da benémerita, empregados en Previsión etc etc,
Hoxe no 2007 da gusto saber que temos unha historia e que aínda hai sagas familiares que siguen a dar futbolistas a este pobo. Sen dúbida é o deporte un dos hábitos mais sociais que coñezo e que mais forman o carácter dun individuo.
Gracias a Antonio "Coruña" por aquel reportaxe do 1997, que nos achegou algo mais a esta terra e as suas xentes e a Jesús Carlos que aportou no 2004 mais recortes de ruta, unha ruta que vai poñer punto e seguido dentro de pouco cando o campo da estrada da Golada se convirta nun dos mellores da redonda. Saúde e mil primaveras mais para o "football" da nosa... vida.
ANOS 50, 60, 70, 80 e 90


Seguindo con esta retrospectiva pasamos agora a década dos 50, concretamente a finais.
E a foto corresponde o equipo da "Academia Balmes", mome do centro de ensino propiedade de don José Ares Lois. A instantánea foi tirada diante do Mosteiro de Sobrado, nunha excursión con partido que organizara a devandita Academia.
De esquerda a dereita e de pé: Porteiro:Pedro Borrazás (Tahona), Pepiño do Estilo, Quico de Mato, Luís Pintor (Caixa-Galicia), Chucho Fondevila, Chico Castro (Picado) e Mariano (Perelos); anicados: Toñito do Forno (calderilla), Javier do Aceiteiro, Juan Manuel Quintáns (Magua9, Antonio Vázquez (Perelos), Tito Aguiar e Suso do Aceiteiro.

Vamos agora con outro equipo de Melide dos anos 60, daquela nacía o Cire, Centro Instrutivo Recreativo e Educativo de Melide pero daquela aínda non tiña ningunha disciplina deportiva.
Conta a lenda de que esta foto, como ocurría moitas veces daquela, foi sacada no campo do Chantada nun partido, onde os melidenses devolvían a visita feita polos chantadinos nas Festas do San Roque. Pola aquela data desprazáranse moitos melidaos para merendar a beira de Belesar e ver o partido (segundo contan parece ser que a merenda foi moi suculenta e que rodou o viño de máis, despois os xogadores non estaban en moi boas condicións para celebrar o partido. Sobre todo o porteiro, e como é lóxico, perdeuse).
A alineación foi a seguinte de esquerda a dereita e de pé: Juan Manuel Quintáns (Magua), Cándido de Chiquitín, Suso de Fidalgo, Carlos de Chiquitín, Agra (familia Sexto) e Pedro Borrazás (Tahona); Anicados: Javier do Aceiteiro, José Antonio Chiquitn, Antonio Castro (fillo do zapateiro do campo), Chucho de Enrique, e Guillermo Lareo (Parente do actual goleador do Rangers, Nacho Novo).

No banco de suplentes agardaban a sua oportunidade, Pepiño do Estilo, Arturo Rúa, Toñito do Latoneiro e José Angel Cabado como porterio suplente. O adestrador era Antonio do Troito.


A primeira foto do Cire
como tal, coido que é esta, estampada na esquerda do peito da camisola a cruz de santiago, emblema que levan tamén o Celta, o Compos e o Racing de Ferrol entre outros.


Formaban para a historia, de pe e de esquerda a dereita: Carregal (porteiro), Luis de Magua, Sexto, Senín, Amador, Alfonso Pampín e Óscar Garea. Agachados: Kiko Broz, Javier do Aceiteiro, Pepe Luís, Jesús Carlos (acutal presidente), Carlos Landín, Miguel Parrado e Moncho.

Outra imaxe do Cire nos primeiros 70: De pé e de esquerda a dereita: Paco Costoya, Victorín, Pepe Luís, Rafael, Vía e Benigno
Abaixo: Laya, Jorge, Edreira, Enrique Manuel, Ramoncito Lareo, Kiko Broz e Lalo; non sei si é o campo actual pero si o é vemos que a grada esta sen cubrir e que hai unhos calvos no chan de nivel. E que agora queixamonos de vicio.


Esta foto que poño agora con pouca calidade corresponde a celebración do título da "Copa da Montaña" por parte do Cire, euforia, bandeiras, brazos en alto, mozos e vellos que bonito ten que ser...

Estas duas imaxes corresponden o Cire dos 70, nesta primeira aprecianse as gradas sen cubrir ó fondo.

Nesta concretamente, de 1978, formaban de pé e de esquerda a dereita: Manolo Pampín, Goros, Vía, Víctor, Miguel ASturiano e Jorge.
Anicados: Zalo, Kiko, Edreira, Balado e Rufino.


Esta que vos poño agora coido que dos primeiros 80, e vemos que na camiseta sae impreso o nome do equipo, CIRE MELIDE, con grandes letras.
Ahi estan de esquerda a dereita de pé: Mouriño(mítico directivo), Víctor Roque, Michel(léase michel acentuado na segunda sílaba), Roca, Ramón Camino(pai do xogador actual Moncho), Jesús Carlos, Ferreiro, Sito, Antonio Segade (non Juan, gracias Nani)e Suso Aceiteiro. Anicados: Pucha, Nanitas, Villa, Zalo, Diéguez, Goros, Merli (primo dos Segade) e Alfonso do Carretero.

A última do Cire, corresponde os primeiros 90, co Cire en Primeira Rexional ou en Segunda, desta plantilla destaca o malogrado melidán Javier Pampín "Guay" que retornaba o equipo que o viu nacer despois de compartir vestiario con Fran e e José Ramón no Deportivo Xuvenil da época e no Fabril, e de botar unhas cantas tempadas no Brigantium de Betanzos. Daquela tamén empezaba a entrenar os cadetes que o Cire decidira crear despois dun parentése duns anos.
Outros da foto, Neira (moi noviño), Ricardo de Visantoña, os Agra (periodistas de Visantoña tamén), Pin, Roca, Orois, Cordido etc, Pucha cambiou de lado e afeitou o bigote, ;). As camisetas son da marca Zico, daquela eran iguais as que levaba o Compostela pero nun azul moito mais forte. A lenda que se le nas elásticas é "Melide, Cerne de Galicia".
BALOMPÉ DA POSGUERRA NA CERNE DE GALICIA

Estes días estiven ollando fotografías antigas das disintas formacións históricas dos equipos de fútbol de Melide. Tamén lin no blog do Cire que andaban buscando imaxes vellas.
Pois ben acordeime que no libro do San Roque do ano 1997 gracias a idea dun dos membros da comisión daquel ano, Antonio Varela "Coruña", fíxose unha retrospetiva do deporte melidán, incluíndo tamén o fútbol-sala, o basquet e o ciclismo, cecais faltoulle o hoquei que aqui en Melide tamén che tivo a súa época.
Ollando o libro tamén me dou conta do bon nivel das festas daquel ano con Azúcar Moreno, Los Secretos e Milladoiro como cabezas de cartel.
Daquela as festas organizábanse por gremios, aquel ano tocoulle os da pel (coiro, carnicerías, zapaterías, tratantes etc)
A primeira foto que abría a mostra esta acompañada dun texto emblemático escrito por Manolo Latoneiro e dicía tal cual:
"O remate dos Mundiais de Fútbol pódese falar do grande espectáculo que ofreceu a selección gañadora, pero tamén podemos falar do fútbol da nosa época moza. Nesta foto, non se confundan e pensen que é unha selección estranxeira, senón que se trada do Atlético Melidense. Este equipo posou para os fotógrafos no campo das Granxas (detrás do actual ambulatorio) en marzo de 1942 e formabamos con camisolas amarelas con franxas na manga e no cuello negros e pantalóns desa mesma cor.
De esquerda a dereita: Pituco Triana, Edelmiro (barbería Marcos), Joseíto Fuentes, Pepiño Picado, Enrique Núñez, Moncho Barral (porteiro), Manolito de Priorada, Nicolás Pimpan, Manolo Latoneiro, Suso Pampín Prado e Sadrdón II. O adestrador do team era don Xesús Madriñán, que tamén desempeñaba as funcións de médico.
Facendo memoria podemos recordar a grande goleada qeu lle metemos ó Curtis (8-3) e que o partido se prolongou polo arbitro á luz do candil. Como non había liga, xogábanse partidos amigables ou campionatos de empresas e, naquel entón, xogouse unha final contra Ferroviarios da Coruña e o arbitro roubounos o partido.
Como todo equipo que se precie, tiñamos un Local Social que estaba situado no primeiro piso do café Capitol o que chamabmaos "Sociedade Recreativa Cultural e Deportiva".
Os futbolistas de entón non tiñamos as comodidades que teñen agora, nós tiñamos que sacrificarnos moito tanto a xogar como no demais. Así por exemplo, tiñamos que paga-lo autocar entre todos para ir ós desprazamentos, marcar nós o campo e retrirar tódolos días, despois de xogar, as porterías(senón nolas roubaban). Non tiñamos redes.
Xogabamos contra grandes equipos históricos como, o Compostela, o Polvorín de Lugo, etc...
Tamén podemos sinalar grandes xogadores daquela época, aínda que non aparezan na foto, como forn, por citar algún, Dario Fuciños, Manolo Broz e un tal García, que ficaría posteriormente polo Barcelona.
Desde aquií pido ilusións ás novas promesas futbolísticas e sacrificio para conseguier chegar ás cotas máis altas do balompé.
Manolo Latoneiro.


Outra foto daqueles tempo é unha que se recolle como "Equipo melidán dos primeiros anos cuarenta", nela podemos ver de esquerda a dereita, e de pé a:
Daríos Fuciños, Enrique Gómez, Edelmiro (Barbería De Marcos), Rafael de Carabel, Víctor Blanco, Pituco Taboada e Suso Taboada; anicados, Manolito de Dona Pura de San Benito, fillo Sarxento da Garda Civil, Don Eladio , Manuel Lareo e Suso Pampín Cordido.
Medias distintas, aparición dos cuellos sen cordeles, cintas na cabeza, balóns daquela maeira é o fútbol épico de despois da guerra civil, moita ilusión nos rostros destes rapaces moi novos.

quinta-feira, janeiro 11, 2007

TRANSPORTES HERNÁNDEZ Y SANJURJO, REPARTINDO EMOCIÓN Como lle prometera Julián a un servidor e a Nani o pasado agosto, os Transportes Hernández y Sanjurjo recalarán por segunda vez neste muelle interior de descarga de mercadorías e de melodías que é o histórico Pub Gatos.
THS esta formado a partes iguais polo acoredeonista do extinto combo diplomático de Monte-Alto (Hight mountain), Rómulo Sanjurjo e o líder carismático dun conxunto olívico que ven de celebrar as suas bodas de plata o pasado decembro, Siniestro Total, Julían Hernández.
A cita será este venres no gat-horario habitual. Antes, entre as 19.00 e as 21.00 h, tentaremos levalos os estudios de Radio Melide para que nos comenten cousiñas do novo disco que acaban de sacar, da sua xira polo estado, das suas múltiples anécdotas etc etc.
Deixóvos un link do seu blog (o deseño recórdame a algo)prémelle e un par de enlaces de video Madre fango e :

Noutra orde de cousas deixovos esta nova:
Tempo de cantar os reis
Está claro que nos últimos anos estamos a vivir un rexurdir dos cantos de Reis. Este mesmo sábado fallábase en Boimorto o III Certame Galego de Xugadas de Reiceiros, que organiza este concello canda a Consellaría de Cultura. No encontro resultou vencedor o Grupo Axóuxere de Melide, mentres que o segundo foi para o dúo Xosé e Suso, de Toques. De terceiros quedaron Airiños da Peneda, de Redondela e mais a Cuadrilla de Cabrui

Noraboa para Axóuxere e tamén para Susiño (membro da Asociación Castelo) e o seu pai, xente da Tarabela de Toques.

terça-feira, janeiro 09, 2007

SETE SAIAS
Fai unhas lúas escoitando o programa de sobremesa da Radio Galega, "Aberto por reformas" na sección denominada "Dimensión Vituco" (conducida polo mesmísimo Victor "Ruxe" Neira) descubrin un traballo discográfico de duas rapazas do sur do país que se fan chamar, seguindo unha lenda galaico-portuguesa, Sete Saias. Estas duas mulleres, unha do Porriño e outra do barrio vigués de Coia, grabaron no concorrido estudio do histórico baixista dos Resentidos e de Siniestro, o lucense Segundo Grandío na gondomareña "Casa de Tolos" e baixo o selo de Pai música, un cuidado traballo onde a arpa cética se xunta coas suas voces abenzoadas e cálidas. Son dísicpulas de Rodrigo Romaní, ex- de Milladoiro, e profesor actual deste instrumento na Universidade Popular da cidade olívica. O "single" de presentación chámase "Rompendo a marea" e este é o video clip. Sen dúbida, a nosa música non deixa de depararnos sorpresas, e índa por riba agradables.

quinta-feira, janeiro 04, 2007


Despois duns días sin escribir nada, como diría Boney-M andivemos de Holy-holy days, retomo a actividade blogueira cun pequeno repaso ó que foron estes días.
O pasado venres 22, o día da lotería -ou da salú-, houbo dous concertos en Melide de alcurnia. Por unha banda no 600 actuaban os Guezos de Ourense, unha aposta folk-rock dende terras de Foxo, soaron bastante ben aínda que os teclados a penas se percibían, está todo perdoado xa que o técnico de son que traían era o mesmiño que o de Lamatumbá, :). Destaco da actuación unha versión que fixeron dun tema dos grandes cataláns , Lone Star, unha canción dos setenta que foi número un en España.
O tema chamáse "Mi calle" e eles traducirona como "A rúa". Lóxico.
Tamén saliento a jam-session do final, o público que empezou a chegar pouco a pouco (coma sempre) non quería que se marchasen e aínda botaron ben tempo no escenario, na que lle deron unha voltiña a temas míticos dos "Doors" coma "Raiders on the storm".
Rematados os da terra da chispa dirixímonos o Gatos onde xa comenzará ó gurpo innovador de todo chamado "Son do jalpón" un cuarteto de compostláns de percusión, violín, guitarra e voz que fixeron disfrutar ó persoal cos seus temas e con estrofas improvisadas á calor da xentiña asistente. Funk, rock, rap todo mesturadiño, sen dúbida a esta xente gústalle experimentar.
Ben continuando co resumo destas datas, pois aqui en Melide puxerónche unha pista de xeo, para grandes e pequenos, definíuna ben Emilio "Como na Coruña, carallo¡¡".
Despois chegaría noiteboa e nadal, sen novidade, que recorde.
Os días prevíos ó partido do 28 de decembro, andivemos preparando a historia da selección. Pancartas, avituallamento etc etc.
E o 28 chegou, partimos de Melide pola tarde en dous buses de maneira escalonada, xa que infantes de terna idade tamén acudían. Estes xuntamente co personaje de Eugenio, un home peculiar, marcharon despois e viñéronse antes, lóxico.
No bus de ida espectácular ambiente festivo, coa axuda de Miki na gaita e os irmaus combustibles picato-toquenses, para ir quentándose, non se parou de cantar de Priorada a Alfonso Molina, previa parada en Oza dos Ríos para que os que tiñan problemas coa próstata os solucionaran, non era plan de que morreran reventados.
Bueno chegamos a "la coru" e a montar o chiringuito, como xa é costume, gracias os ferros e táboas da feira que nos deixou Joselín FrutasLugo, alá veña a cargalos e montálos a carón da grada de preferencia na rúa, se non me engano, Manuel Murguía, alí a parte dos que ibamos no bus xuntáronse a nos os que xa estaban na Coruña. En total perto de dous centos de melidaos en pé de guerra dispostos a queimar Riazor emocionalmente co seu apoio a selección galega e o seu carácter festivo.
Entramos para dentro e un de seguridade dime, eu levaba as pancartas, que despregara as pancartas, eu díxenlle que me daba moito choio e que non era plan.
E el respostáme, é para ver si teñen algo ofensivo. Eu díxenlle o que poñía e que como non molestáramos ós de Arzúa, é brincadeira ;), non creo que ofendamos a ningúen. Risas e pa´dentro.
Hai certas cousas que non entendin, ¿que pintaban as majorettes de Valadares tocando "Paquito el Chocolatero"?, ¿algúen sabe a segunda parte do himno galego?, ¿acabaría Rallas de tocar a trompeta infame que tiña?, ¿algúen coñecía a mais de tres xogadores?, ¿o de megafonía non tiña medo a levar unhos paus, despois das que fixo? -trabucarse de idioma bastantes veces e rematando o partido poñendo ráfagas de cancións da Roda, ¿como quedaron?, sí, como quedaron foi unha pregunta que escoitei moito pola nosa zona, sen dúbida a festa a algún non o deixaba ver o espectáculo no terreo de xogo. No eido deportivo Galiza xogou ben pero Ecuador tivo mais oportunidades no primeiro tempo onde un gran Diego López, porteiro suplente no Madrid e natural de Paradela (lugo) -por certo estivo este verán en Melide na Pousada Chiquitín- demostrou a sua calidade.
Na segunda parte adíantase os ecuatorianos cun gol de falta maxistral e Diego Castro empeza a bourar pola banda dereita e nunha desas xogadas balón ó cativo vigúes Johnatan Pereira que en dosu tempos funde o coiro nas maias. Delirio. Ó final houbo unhas xustas táboas. No partido houbo un que outro incidente no que estivemos implicados, trátouse dunha señora que dicía que non podía ver e chamou a seguridade privade do estadio. Ali viñeron e pouco fixeron. Eu coido que o que non deixaba ver "a la señora" era o pucho mexicano que Miguel o de Mina trouxo da súa lúa de mel en Cancún, por certo non lle pasou nada como a peluquera de Arcade, menos mal.
Rematado o partido fúmonos a "furgo cero" que Suso do Mandil nos deixou para ter as viandas ó carón do estadio. Repostos os corpos e as almas. Uns pro Orzán outros ó concerto. A min tocoume concerto por cinco ouros, ós herculinos Meu non os viu, aínda que me dixeron que estiveran ben, cando cheguei bouraban os suecos Backyard Babies, o pouco que vin gústoume. Moita caña escandinava. Daba gusto atoparse naquel recinto mítico que era a Polideportiva de Riazor cuna de antigos éxitos do hoquei patins do Liceo. A historia do Liceo garda un curioso paralelismo coa do Dépor, a ver si non acaba igual.
Bueno ó allo, despois tocaron Siniestro, facendo un concerto moi parecido o que fixeran en Melide este verán. Cumplían 25 anos e un día e celebrarónno con retranca e bo humor, como a vez que lle pediron ó público que lle cantara o "Vigo no".
E despois de volta pra cerne que xa eran horas.
Non me esquezo neste improvisado resumo do triángular que disputou o Cire, o Santiso e o Toques, no feudo deste último.
Bon xogo Cirense no primeiro partido contra o Santiso, con momentos brilantes. O segundo encontro Toques-Santiso, cómodo tamén para o Santiso aínda que os goles viñeron todos en balón parado. E o último e decisivo Cire-Toques, rematou a pre.
Adiantóuse Jechu marabillosamente e daba a sensación de que se o Cire apretaba chegaría o segundo, pero non sei si entre o frío, o árbitro, que se fixo de noite, as mais ganas do Toques, ou o que pasou de verdade, que se botaron atrás.
Fixo que o Toques empatara nun balón colgado a área melidá.
Houbo que ir a penalties para ver quen se levaba o trofeo Xuma, gañou o Toques despois de que errara un dos mellores do Cire, Jechu.
Noraboa ó Toques xusto gañador, asi o celebraron, acordándose da famosa consigna "Sí, sí, sí somos de Millí" e mudandoa por outra que non me acordo, se alguén estaba por alí e a quere reproducir que o faga en comments porfi.
Ánimo e arriba Cire que este domingo temos cita en Órdes para asaltar o cuarto e se os resultados se dan o terceiro posto da liga.

terça-feira, janeiro 02, 2007