quarta-feira, outubro 22, 2008
CONGRESO INTERNACIONAL EN MELIDE
Xa fai uns meses que vedes no recuncho dereito deste blog, unha árbore, e unhas siglas A.G.I.R, pois ben son as siglas da Asociacióm para a Imvestigación e Desenvolvmento Sociocultural da que forma parte o antropólogo melidán Santiago Prado, Chago de Chiquitín.
Pois ben esta asociación vai desenvolver o seu sexto congreso internacional en Melide, impresionante.
Tedes mais información na seguinte nota de prensa e recordade que todas as actividades son de balde e abertas ó público.
Melide converterase entre o xoves e o sábado na sede dun foro internacional de discusión e de posta en común dos temas de maior calado a nivel sociocultural. A asociación portuguesa AGIR –Asociación para a Investigación e Desenvolvemento Sociocultural- organiza nesta vila o seu VI Congreso Internacional, que por segunda vez sae das fronteiras portuguesas, logo de terse celebrado nunha ocasión en México.
Dende este xoves, arredor duns cincuenta nomes de referencia do ámbito sociocultural analizarán en Melide a situación das políticas de desenvolvemento, a globalización, a identidade, o patrimonio, a construción do sistema de sexo/xénero, ... entre outros moitos temas. O antropólogo melidense Santiago Prado Conde – Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais 2007- destacaba hoxe en rolda de prensa que “este congreso será un escaparate para Melide, unha mostra do seu dinamismo e das ganas de sacar adiante a identidade galega dende unha vila rural do interior”. Neste sentido, a rexedora melidense, Socorro Cea, amosouse “moi satisfeita e agradecida porque a asociación AGIR teña escollido a nosa vila para a organización deste VI Congreso”, no marco do cal se celebrará tamén o II Encontro de Antropoloxía do Norte de Portugal e da Galiza.
O VI Congreso Internacional de Investigación desenvolverase simultaneamente en dous espazos do Edificio Multiusos de Melide: na sala de conferencias e no novo telecentro, onde se proxectarán as comunicacións audiovisuais que achegarán ao congreso os especialistas e técnicos que teñen confirmada a súa asistencia. Entre eles estará Álvaro Campello, activista do movemento pedagóxico Ponte nas Ondas; Edelmiro López Iglesias, director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e ademais recoñecido economista no campo do desenvolvemento; ou o brasileiro Fernando José Martíns, do movemento dos sen terra.
Mais a fin de aproveitar e coñecer tamén o marco de desenvolvemento do Congreso, a organización contempla para eses días a visita ao Museo da Terra de Melide, e á Casa do Queixo en Grixalba (Sobrado). O peche do congreso será musical, grazas ás actuacións dos melidenses Tromentelos Chis Pum e do músico portugués Franklin Pereira, o venres na Sala 600.A celebración do Congreso en Melide non sería posible sen o financiamento da Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral e Creación e Difusión Cultural.
Máis información sobre o contido e desenvolvemento do congreso na
web de AGIR.
Foto de Chago tirada de Tierras de Santiago, onde tamén lle fixero unha entrevista que podes ver picando aquí
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário