quinta-feira, janeiro 14, 2010

PRO ANO.....
"Xa que todo nesta vida acaba e fainos devanar a orella velis nolis, finarán ó cabo as noxentas pingas-pingas do derradeiro mes tan enlamugado co gallo de esfroitar o mes do branco luar a que nos convidará de gratis o mes das témeras xeleiras, ollando tamén a nidia albura da esquilfa neviscada que ornará os cumes dos alpeiros. Xa verás que tampouco serán esquías as longas noites e curtos días pra toupenexar un bo durmiñique ó amor da lareira cos tizós de carballo ben arroxados i esmoxicando"
Non, aínda non toleei, trátase dun prónostico do mítico almanaque agrícola "O mintireiro verdadeiro" para o mes de xaneiro de fai uns anos (Eu teño a sorte de ter unha ampla colección deles xa que sempre mos agasalla miña madriña polo Nadal)
Todo se acaba nesta vida dicía e a pasada semana tócoulle o turno o alma máter desta modesta pero exitosa publicación, fálovos do cura de Filgueira (Palas de Rei), don José María Regadío "Lakifil" (Este foi o nome que lle puxera a súa modesta imprenta onde o imprimía os primeiros anos).
"ISTE CALENDARIO É CHUSQUEIRO, ESCOTLIDO, GALEGO-CASTELÁN, PROFÉTICO, ENXEBRE, NOTICIOSO ARTIMAÑEIRO E TAMÉN BARATO"
Así rezaba embaixo da ilustración de dous paisanos parolando ó carón dun cruceiro.
Mais arriba lese PRO ANO TAL e así dende 1951.
Do "Mintireiro" chegáronse a vender 15.000 exemplares en toda Galicia (xa lle gustaría a moitos escritores chegar a estas cifras), sen contar o top-manta existente(copias ilegais que se facían e despois vendían).
Todo un fito para a obra deste párroco un auténtico persoeiro e personaxe do veciño concello de Palas de Rei.
Este proxecto editorial, con moitas similitudes co Gaiteiro de Lugo, naceu na rebotica palense de Don Eduardo Seijas e conta co estilo literario mais peculiar que te podes atopar diante dos ollos no noso idioma.
Ás sesenta, setenta páxinas de media do alamanaque son un caixón de sastre onde podes atopar de todo: adiviñas, contos, humor infantil, aforismos, sentencias, citas,refráns, as lúas do mes, mares,axiomas, chispazos,efémerides, as súas rebuscadas palabras en galego, as medidas de ferrado nos distintos sitios do país,os lugares das feiras de cada día nas catro provincias, as festas sinaladas de ano, calendario de fútbol, etapas do camiño de santiago,etc etc e por suposto un "atinado e enxebre" pronóstico do tempo mes a mes.
O Minteiro, o Gaiteiro de Lugo ... son exemplos desa conexión entre a literatura e os labregos de Galicia, a única lectura para algúns.
Poderíamos dicir que a pesares do seu claro anticlericalismo, Don José María ten algo de semellanza co lembrado escritor e xornalista ourensán do século XIX, Valentín Lamas Carvajal ,"O Tío Marcos da Portela" autor do "Catecismo do Labrego"
Agardemos que esta obra se sega publicando despois do pasamento do seu creador, o cura de Filgueira.
PARA SABER MAIS PINCHA AQUÍ ARTIGO DE "EL PAÌS"

3 comentários:

Tono disse...

Pois éche ben curioso, porque aínda que eu non teño tantos exemplares coma tí, os dous que andan pola miña casa, tamén foron cousa de miña madriña. Eu tamén vos recomendo que lle botedes o ollo a un, e veredes que a descrición que fai Riki pode quedar ata curta para o que alí se atopa.

Por certo, un gusto ver que esto ten vida de novo meu!!

riki disse...

;) Jaja, as madriñas sempre mirando polos afillados Tono, jaja, pois si que é coicidencia.
PD: Que tal se da xogar sobre á neve?

carlinhos disse...

Anotación: Lakinfil... púxolle ese nome á imprenta (que grande, que traballaba con Mac dende os comezos :D)polas parroquias que tiña encomendadas en Palas de Rei na súa labor de párroco: La (Laia) kin (Quindimil)fil (Filgueira). Logo foi coñecido con ese alcume ata que finou. Todo un persoeiro, si señor.