quarta-feira, junho 04, 2008
Cóntocho.eu
Será o vindeiro sábado 5 de xullo no Pino. Este ano han estar Cándido Pazó, Paula Carballeira, Quico Cadaval, Xurxo Souto, Espido e Róber Bodegas, entre outros.
Recollo esta nova de Vieiros, ten boa pinta este envento que se celebrará no Pino:
O ano pasado veu a primeira, e este tócalle á segunda Festa da Narración que chegará a Arca, vila do Concello do Pino o vindeiro sábado 5 de xullo.
Alí hanse xuntar, durante todo o día, xente de todo o país a contar os seus "sucedidos", narración orais curtas que cada quen conta e re-conta ao seu xeito porque, como din os organizadores (o Colectivo Tatalo e a Nova Escola Galega) as historias son irrepetíbeis, irrecuperábeis tal como saíron do maxín e dos beizos de quen a contou, e, inevitabelmente, mudan cando se re-contan: "por máis que a historia volva ser contada xa non será a mesma, coma o río aquel".
Desta volta organizaron unha Xornada de Oralidade para os educadores, cuxo prazo de inscrición xa está aberto. Nesta actividade de formación ha colaborar xente coma Antón Cortizas e Montserrat Rivero (do grupo Leilía). Tamén haberá conferencias, impartidas pola narradora, actriz e escritora Paula Carballeira e o escritor Bieito Iglesias.
Máis tarde chegarán os contacontos, nos que intervirán Quico Cadaval, Xurxo Souto, Cándido Pazó e Paula Carballeira, e, a seguir, Espido (Guadi Galego e Guillerme Fernández) ofrecerá un concerto ao vivo. Ao mesmo tempo, están organizadas sesións de contacontos nos bares de Arca, nas que participan as persoas inscritas e que estarán presentadas por Róber Bodegas, Celso F. Sanmartín, Eva Varela e Carlos Santiago. A festa terminará coa actuación do grupo de gaitas Tombalobos.
Pódese consultar toda a información e inscribirse para a grande festa dos contos na web
Contocho eu
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário