quarta-feira, setembro 26, 2007


CONFIRMACIÓN DA FESTA DO VOLUNTARIO, E PROGRAMA.O voluntariado en defensa do monte galego celebrará a súa festa este sábado en Melide tras finalizar a campaña do ano 2007
Os voluntarios e voluntarias da Galiza que colaboraron durante a campaña 2007 na prevención e extinción de incendios teñen unha cita en Melide (A Coruña) este sábado, onde celebrarán unha festa e terán oportunidade de coñecerse.
O programa de actos do evento vén ben cargado. Comezando ao mediodía, e durante toda a xornada, haberá pasarrúas dos grupos de música tradicional Axóuxere, Os Melidaos, Os Frebudos, Bico da Balouta e O Castelo.
Ás 15:00 horas haberá un xantar de confraternidade, e despois varias actividades culturais para encher o serán: Anxo Moure contará a historia de O carballo con botas, acompañado doutros contacontos; a compañía de títeres Tres Globos interpretará a obra Pedro e o lobo; a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional porá en marcha diversas brincadeiras para todas as idades; haberá regueifeiros; e a empresa de aventura Ferventía instalará un rocódromo e unha pista para a práctica do tiro con arco. Xa pola noite, actuacións de folk e rock a cargo de Nao, Zenzar, Os tres trebóns e Tiruleque.
Cómpre destacar que todos os artistas, grupos e empresas participantes veñen de xeito desinteresado e actuarán de balde. Para que esta Festa do Voluntariado fose posible, contouse coa axuda financeira e loxística do Concello de Melide, das direccións xerais de Montes e de Voluntariado, da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), do Pub 600 e de Adega O Lar.

Sem comentários: