segunda-feira, dezembro 18, 2006

Sono-Tone, a nova revista galega de música

Xa está na rede unha iniciativa caralluda onde os novos valores do panorama blogueiro galego afían as suas plumas e fanos un percorrido por tódalos universos musicais actuais de aqui e acolá, tamén lembran discos clásicos, hai sección de entrevistas, apartados propios para libros e cinema etc etc. Moi completa esta web e actualizarána cada semana. Ten boa pinta, noraboa os creadores Regueifeiro, Vincent Halo ou Martin Pawley entre outros.
Mil primaveras para vos. Link de Sono-tone
Deixovos cun artigo polémico onde se defende unha etapa distinta na vida creativa de Juan Pardo. Recordo xa fai moitos anos ter debatido con colegas que aquel disco do ferrolano-mallorquí era fabuloso e digno de ter na discoteca propia. Tanto pola temática, musicou unha escolma de grandes poemas das nosas letras, como polo barroquismo dos arranxos a ditos textos. A xente non me entendía, estaba o "Xuntos" moi recente, lóxico. Pero todo o mundo ten un pasado.
Aínda así recordo ver o vinilo e escoitalo, fai xa mais de dez anos no Trece, cando aínda non chegará o mundo dixital a taberna martinfreireana.
Gracias Vincent Jalo, polos machucos e por este artigo:
Hai moitos Juan Pardos posíbeis. Temos o Juan Pardo mod de Los Vándalos, los Pekenikes e Los Brincos. Temos ao Juan Pardo productor e padriño de ducias de artistas (Andrés Do Barro, Andee Silver, Queimada, Camilo Sexto...). Temos ao Juan Pardo teen-idol da época de Juan y Junior. Temos ao Juan Pardo pepeiro do "Xuntos máis fortes". Temos ao Juan Pardo compositor da sintonía da mítica serie de debuxos da nosa infancia Don Quijote. Temos ao Juan Pardo ídolo das hexaxenarias nas galas de fin de ano. E tamén temos ao Juan Pardo dos 70, un Juan Pardo perdido, na percura do seu lugar na música e co seu innegábel talento botándolle por fora. Foi a época dos discos en inglés e a vocación de songwriter. E tamén foi a época na que deu a luz a este disco, unha auténtica rareza por vir de quen ven -que non está nada mal vindo dun fillo de militar nado en Mallorca- e unha auténtica xoia na historia da música galega.
Cunha falla absoluta de modestia -no interior do LP sae caricaturizado xunto a Rosalía, Pondal, Castelao e Cabanillas, coma un máis- e uns arranxos excesivos dignos da época (coros soviéticos, cordas barrocas e todo tipo de luxos de producción hoxe en día raros de ver) o ferrolán musica a Pondal (A fala e falade galego) e, sobre todo, a Cabanillas (En pé!, Na morte de Castelao...), nun disco irrepetíbel no senso literal da palabra. Non vexo eu ao bon de Juan Pardo cantando ao "dereito a libertar a terra" ou animando ás pijas de LaCoru a abandonar os "duros acentos de Castela" trinta anos despois. Ou si. Os vaivéns políticos sonche cousa do demo.
Cuestións políticas aparte, este disco é dos que hai que ter. Tanto por ser fiel reflexo dunha época -en 1976 debía de ser galleguista de toda la vida até Don Manuel- como pola calidade dunhas cancións -"Probiña da tola" estaría sen dúbida entre as primeiras nunha hipotética lista das mellores cancións galegas da historia- que, se somos capaces de borrar mentalmente a produción kitsch setenteira que as decora, farán parte do noso playlist fundamental de por vida. I é que o señor Pardo, queramos ou non, é un dos mellores compositores e vocalistas da historia contemporánea da nosa música.

Vincent Jalo

2 comentários:

Anónimo disse...

unha cousiña, Vincent Jalo e o Regueifeiro son -somos- a mesma persoa ;-)

saúdos!

Anónimo disse...

Fé de ratas:
Ok meu, doume por informado.
Perdoa pola ignorancia.
Moi boa a iniciativa.
Eres un ciber-fenómeno musical e cultural.
A seguires así meu.
Un saúdo dende a cerne de Galiza.